- O concerto celébrase o día 3 de outubro no Auditorio Municipal con entrada de balde para o público
- A cita estará marcada pola lembranza a Manuel López Castro, fundador e director da coral valguesa durante 32 anos
Valga, 23 de setembro de 2026.
Tres agrupacións reuniranse o vindeiro día 3 de outubro no Auditorio Municipal na décimo oitava edición do Festival de Outono de Corais, unha cita que este ano estará marcada pola ausencia de Manuel López Castro, fundador e director durante 32 anos do colectivo organizador, a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro.
Este será o primeiro concerto que celebren dende o seu pasamento: “A súa voz xa non estará entre nós, pero permanece o seu legado, o seu traballo e, sobre todo, o seu amor pola música e por esta coral que tanto significou para el”, sinalan dende a directiva que presiden Valentina Ferro. “Queremos lembralo con emoción e gratitude, porque cada vez que volvemos cantar, unha parte de Manolo segue viva entre nós”. Dende a Polifónica valguesa entenden que “a mellor homenaxe que podemos facerlle é continuar o camiño que el iniciou e manter viva a coral” con iniciativas coma este Festival de Outono.
Ademais dos anfitrións, actuarán nesta edición a Coral Municipal da Illa de Arousa e a Polifónica de Santiso. Cada agrupación realizará unha actuación individual e, como colofón interpretarán varios temas de forma conxunta. O concerto dará comezo ás 19:00 horas con entrada gratuíta para o público.
A Coral Polifónica Santa Comba, actualmente baixo a dirección de Elisabet, fundouse en 1994 coincidindo coa festividade da súa patroa, Santa Comba. Na actualidade está integrada por 33 voces (12 sopranos, 9 contraltos, 8 tenores e 4 baixos).
Ao longo da súa traxectoria ten protagonizado incontables actuacións de música popular e sacra en toda a xeografía galega, en Asturias e Portugal. Entre as funcións máis sobranceiras, as que tiveron lugar no Pazo de Fonseca, na Catedral de Santiago ou no Santuario de Fátima, así como a súa xira por Buenos Aires (Arxentina). Ademais, gravou un CD con temas populares galegos e habaneiras no ano 2008.
No seu repertorio teñen cabida diferentes estilos e épocas musicais. Destaca a música tradicional galega, a música relixiosa, obras de carácter popular e outras de diferentes culturas e tradicións.

ES
EN