Accessibility Tools

Todas

A ANGUÍA E A CAÑA CONVÉRTENSE NAS RAÍÑAS DA MESA A TRAVÉS DAS ACTIVIDADES DO “AGOSTO GASTRONÓMICO”

- O cociñeiro Álex Iglesias estará á fronte das sesións culinarias e de coctelería

- As actividades están destinadas a enxalzar o sabor e a calidade destes dous produtos tradicionais de Valga

AgostoGastronómicoWeb

Valga, 22 de xullo de 2026.

En Valga, o mes de agosto sabe a anguía e a caña do país, dous emblemas locais que cumpren 36 anos presidindo a gran festa do concello. Como antesala desta cita, a vindeira semana arranca o «Agosto Gastronómico», un programa con showcookings, sesións de coctelería, obradoiros e un concurso culinario que converterán á localidade nun punto imprescindible da boa gastronomía.

As actividades darán comezo o día 4 de agosto, cun obradoiro de cociña para nenos de entre 5 e 12 anos, que elaborarán dous pratos: un salgado, que terá a anguía entre os seus ingredientes, e un doce.

Celebraranse tres showcookings, a cargo do chef Álex Iglesias, que tratarán de sacar o máximo partido aos dous produtos protagonistas da festa: o día 11 “A caña no prato”, no que se cociñarán catro receitas elaboradas con caña do país; o 23 de agosto “Moito máis que caña”, con degustación de cócteles con augardente; e o día 25 “Universo Anguía”, coa preparación de pratos que terán como ingrediente principal a anguía.

Tamén repite o certame Anguía Chef, un concurso de cociña aberto á participación de todos os valgueses, que poderán presentar a súa mellor receita con anguía. O Concello entregará o produto aos inscritos para que poidan elaborar os seus pratos. Estes degustaranse o día 18 de agosto no Centro de Interpretación da Caña, onde cada cociñeiro deberá explicar a súa receita ante un xurado que elixirá as mellores elaboracións.

Todas as actividades do “Agosto Gastronómico” son gratuítas, pero teñen un carácter solidario. Os inscritos deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que, posteriormente, se entregarán ao departamento de Servizos Sociais para a súa distribución entre as familias sen recursos.

As inscricións realizaranse cubrindo as follas de solicitude e presentándoas no Concello ou a través do correo electrónico Aquesta adreça de correu-e està protegida dels robots de spam.Necessites Javascript habilitat per veure-la. no prazo establecido para cada actividade.

Cartel Agosto Gastronómico 2026