- Durante esta rápida visita ao concello tamén compartiron momentos cos usuarios do CODI e do Centro de Día
- O día 5 de xaneiro regresarán para recibir a todos os cativos nos exteriores do Belén Artesanal
Valga, 19 de decembro de 2025.
Os nenos de Valga recibiron esta mañá unha gran sorpresa: a visita dos Reis Magos, que aproveitaron o último día de colexio antes das vacacións de Nadal para saudar aos cativos e recoller as cartas nas que lles escribiron cos seus desexos. Unha longa lista de agasallos terán que preparar Melchor, Gaspar e Baltasar xa que, polo que parece, os pequenos de Valga portáronse bastante ben durante este ano.
Os Magos, chegados dende Oriente, fixeron un percorrido polos diferentes centros educativos, comezando na Escola Infantil Municipal, onde os pequerrechos de 0 a 3 anos os recibiron con asombro e tamén con ledicia. Despois compartiron tamén momentos de emoción cos alumnos dos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo, entre os que repartiron caramelos.
A todos emprazáronos a que o día 5 de xaneiro acudan aos exteriores do Belén Artesanal, onde terá lugar a recepción oficial. Alí, Melchor, Gaspar e Baltasar saudarán un a un a todos os nenos que queiran acompañalos e entregaranlles agasallos.
Ademais dos rapaces, esta rápida visita dos Reis tamén tivo como protagonistas aos usuarios do Centro de Día e aos do CODI. A estes últimos puideron saudalos no Belén Artesanal a onde se desprazaron os Magos para recibir a un grupo de 250 persoas que viñeron visitar o nacemento.







