- Unha vintena de persoas asistiron á xornada, na que se ofreceron unha serie de consellos para previr as estafas online
- Detectar webs e mensaxes fraudulentas, coñecer os riscos dos xoguetes intelixentes e protexer as contas foron algúns dos temas que se abordaron
Valga, 18 de novembro de 2025.
O Nadal trae consigo un notable incremento das compras en liña e tamén das tentativas de fraude coas que os ciberdelincuentes tratan de aproveitar a actividade propia destas datas. Para axudar á cidadanía a anticiparse a estes riscos impartiuse hoxe na Aula CeMIT a xornada “Prepárate para un Nadal ciberseguro”, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O obxectivo desta actividade era ofrecer aos participantes unha serie de ferramentas prácticas e fáciles de aplicar para identificar as principais ameazas da tempada e protexerse ante elas. Unha das prácticas máis habituais é o coñecido como “phishing”, un tipo de ciberataque que pretende roubar información confidencial (datos bancarios, claves de tarxetas de crédito ou contrasinais) a través do envío de correos electrónicos nos que os atacantes se fan pasar por entidades de confianza (bancos ou empresas), dando así unha falsa aparencia de seguridade.
Durante o obradoiro, que foi impartido polo formador da Amtega David Bascoy, tamén se abordaron cuestións coma o Black Friday e as trampas asociadas a esta e outras promocións comerciais, coma os bonos regalo ou os sorteos. Os asistentes, arredor dunha vintena, tamén aprenderon unha serie de trucos para detectar páxinas web fraudulentas e foron advertidos sobre a proliferación de estafas a través de aplicacións de compravenda de produtos entre particulares.
Por último, dedicouse un apartado aos xoguetes intelixentes, que cada vez se regalan máis nestas datas pero que poden ter perigos e riscos asociados se non se saben utilizar correctamente.
Na parte final da sesión realizáronse unha serie de exercicios prácticos para que os participantes identificaran prácticas maliciosas e aprenderan a protexer as súas contas e a realizar compras con seguridade.







