Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alumnado do ciclo de Agroxardinería do IES colabora no proxecto realizando unha plantación de millo, tomate, leituga e xudía

- Compararanse os resultados dos cultivos en función do abono utilizado: compost natural ou comercial

PlantaciónEstudoCompost24 1

Valga, 19 de abril de 2024.

O Concello e a Misión Biolóxica de Galicia retoman o estudo para analizar a potencialidade agrícola do abono natural que se produce en Valga a través do sistema de compostaxe, e fano cunha nova plantación que, esta mañá, contou coa colaboración do IES de Valga, a través do ciclo de Agroxardinería e composicións florais.

Alumnado e profesorado deste ciclo participaron esta mañá no antigo campo de fútbol de Baño na plantación de catro cultivos representativos da horticultura da zona: millo, xudía, tomate e leituga. Estiveron supervisados polo investigador científico Pedro Revilla e polo mestre composteiro do Concello, Yoel Castro. No ensaio aplicaron dous tipos de abono para, despois, comparar os resultados: compost natural producido no composteiro comunitario da rúa Doutor de Oya Salgueiro e compost comercial.

Na época de colleita tomaranse datos sobre a altura das plantas, rendemento e caracteres específicos de cada cultivo. Ademais, en colaboración coa Universidade de Vigo, realizarase unha análise de posibles contaminantes que teña o compost e que poidan traspasarse ao solo ou incluso á planta.

O obxectivo é por en valor as potencialidades do compost urbano para uso agrícola fronte a outros fertilizantes e demostrar que é óptimo e non ten repercusións negativas ou indesexadas, o que permitiría avanzar cara un sistema produtivo máis sostible e con menor impacto no medio ambiente. Ata o de agora, o valor deste compost urbano como fertilizante non ten sido demostrado experimentalmente, polo que a súa utilización en agricultura non está implantada a grande escala.

En parelelo e, para completar o estudo, realizarase outra plantación experimental na finca que a Misión Biolóxica de Galicia ten en Salcedo (Pontevedra), para así comparar os resultados cos de Valga.

Este é o segundo ano que se levan a cabo estas plantacións de ensaio. Na anterior proba recolléronse datos sobre as producións de leituga e tomate, que aínda están pendentes de analizar. As plantacións de xudía e millo realizadas en Valga foron fallidas polo que non houbo resultados válidos, explicou esta mañá Pedro Revilla. O investigador sinalou que este estudo permitirá determinar “a calidade do abono natural” que se produce en Valga e se conta con algún tipo de substancia “contaminante que poida chegar á colleita. Non debería habela”, cre, porque “o proceso de compostaxe que se realiza en Valga é moi bo, os veciños colaboran moito  e son moi aplicados e apenas hai residuos impropios nos composteiros”. Pero esta, aclara, é a súa opinión. “Queremos poder dicilo científicamente” e para iso se está a realizar este estudo.

O Concello de Valga e a Misión Biolóxica de Galicia –centro adscrito á área de Ciencias Agrarias do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)– asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo esta iniciativa, que se enmarca no proxecto internacional “Dromamed” de promoción de sistemas agrícolas innovadores, do que é coordinador Pedro Revilla. Este programa ten como obxectivo a promoción de métodos que favorezan a sostibilidade no ámbito agrícola, reducindo o impacto ambiental da agricultura intensiva.

PlantaciónEstudoCompost24 2 PlantaciónEstudoCompost24 3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver