Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O presidente autonómico visitou esta mañá o nacemento, acompañado polo alcalde e polo director de Turismo de Galicia

- Nesta edición estanse a bater récords de asistencia con máis de 35.000 persoas no último mes

RuedaBelén24 1

Valga, 2 de xaneiro de 2024.

O Belén Artesanal estreou o novo ano recibindo a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que esta mañá estivo en Campaña para ver a montaxe deste ano, que está a ter unha grande aceptación entre o público, con récord de visitas. O presidente estivo acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o alcalde, José María Bello Maneiro; e a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras. Tamén participaron na visita os concelleiros Carmen Gómez, Pedro Calvo e Malena Isorna, o deputado autonómico Fernando Pérez, e os membros de Amigos do Belén, colectivo que cada ano se encarga de renovar o nacemento.

Foi a segunda vez que Rueda estivo no Belén, a primeira fai agora tres anos, en xaneiro de 2021. O presidente completou o percorrido circular para ver todas as novidades deste ano, que foi comentando co alcalde e con Mari Carmen Castiñeiras: a xura de bandeira e da Constitución da princesa Leonor, a formación do novo goberno, as protestas pola amnistía, personaxes da prensa rosa e outras ‘celebrities’ que faleceron durante o pasado ano... Ademais, o presidente, viu a súa propia miniatura, que aparece xunto a Mariano Rajoy percorrendo a Ruta da Pedra e da Auga, na que estivo onte mesmo.

O máximo responsable do goberno autonómico tamén tivo ocasión de adentrarse nas ‘tripas’ do Belén Artesanal: o foso dende o que se controlan todos os mecanismos que dan movemento ás figuras e a zona de talleres nas que os integrantes de Amigos do Belén deseñan e crean as novas figuras e elementos que van incorporando en cada ano. Alfonso Rueda interesouse polas necesidades que ten a asociación de cara a vindeiras edicións. A principal, a execución de obras de ampliación do local para poder contar con máis espazo de traballo, explicáronlle.

O presidente comprometeuse a “botar unha man” dende a Xunta para que o nacemento poida seguir medrando. Así o deixou escrito no libro de visitas: “Segunda vez que visito este Belén de Valga e volvo saír marabillado do traballo e a intelixencia para ter aquí toda a actualidade e, ao mesmo tempo, manter a tradición. En resumo: unha marabilla que segue gañando adeptos. O ano que ven espero volver e, por suposto, botar unha man”.

Máis visitas ca nunca

Son máis de 35.000 as visitas que leva recibidas o Belén Artesanal nas catro semanas que transcorreron dende a súa inauguración. Está a ser o ano no que se están a bater todos os récords de afluencia, confirma Mari Carmen Castiñeiras. “Pensamos que tocaramos teito, pero non. Hai máis xente ca nunca e máis colas ca nunca”, ratifica a presidenta de Amigos do Belén. Xornadas coma o día de Nadal ou Aninovo, nas que tradicionalmente se producían poucas visitas, este ano están a ter un incremento moi notable de xente, con longas colas e esperas para entrar.

O Belén estará aberto ao público ata o día 14 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. A partir desa data os grupos poderán seguir visitándoo, pero será necesario solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.

RuedaBelén24 2 RuedaBelén24 3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver