Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Formaranse nos sectores con maior demanda de traballadores na zona, entre eles fabricación mecánica, o agroforestal ou o turismo

- O concelleiro Pedro Calvo participou esta mañá no acto de presentación do proxecto

PIE1

Valga, 18 de decembro de 2023.

O concelleiro Pedro Calvo asistiu esta mañá á presentación dun novo Programa Integrado de Emprego no que Valga participa xunto a outros cinco concellos da contorna: Catoira, Pontecesures, Padrón, Rois e Dodro. O proxecto desenvolverase durante os vindeiros 12 meses e ten como destinatarias a 100 persoas desempregadas. A finalidade é a mellora da empregabilidade a través dun conxunto de accións para facilitar a súa inserción no mercado laboral.

Os participantes no programa deben estar inscritos como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia. Percibirán unha bolsa de 10 euros ao día pola asistencia as diferentes accións que se desenvolverán, entre elas orientación e asesoramento laboral individualizado, talleres de coaching e intelixencia emocional, obradoiros de mobilidade laboral, habilidades sociais e entrevistas, accións de intermediación con empresas, fomento do autoemprego e do emprendemento e formación para o emprego nos sectores que xeran máis traballo e que presentan maiores potencialidades de emprendemento no ámbito territorial de actuación. Estes sectores son: fabricación mecánica, agrario-forestal, loxística e comercio, hostalería e turismo, industrias alimentarias, téxtil e servizos comunitarios. O programa tamén ofrece a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en entidades e empresas da comarca.

Ofrécense, deste xeito, diferentes alternativas para a inserción laboral das persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, baixo un enfoque personalizado e adaptado ás necesidades de cada beneficiario, ao mesmo tempo que se implica ao tecido empresarial do territorio, xerando unha rede de empresas colaboradoras, e se fomenta o autoemprego e o emprendemento a través dos recursos e produtos locais.

Ademais, os participantes poderán beneficiarse dunha serie de medidas de conciliación, con atención personalizada, tanto presencial como telemática; flexibilidade horaria; adaptación das accións do programa aos horarios dos servizos educativos e de atención á dependencia; ou posibilidade de realizar accións formativas na modalidade online ou mixta.

O anterior Programa Integrado de Emprego, que se desenvolveu durante este ano 2023, conseguiu insertar no mercado laboral a 40 persoas dun total de 107 beneficiario. No caso de Valga, participaron neste programa 14 persoas, das que 8 acadaron a inserción laboral: sete por conta allea e unha como emprendedora.

PIE2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver