Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Representantes municipas, familiares e veciños felicitaron á piragüista valguesa trala súa fazaña en Dinamarca

- Mañá ás 12:00 horas terá lugar a recepción oficial no Concello, á que poden asistir todos os veciños que o desexen

RecibimentoNerea1

Valga, 4 de setembro de 2023.
A piragüista Nerea Novo Romero, a campioa mundial de maratón na categoría C1 júnior, foi recibida esta noite no aeroporto de Vigo por unha nutrida delegación valguesa encabezada polo alcalde, José María Bello Maneiro, que a felicitou pola súa fazaña no Campionato do Mundo celebrado en Dinamarca. O rexedor trasladoulle o orgullo que nestes momento senten todos os veciños polos seus logros deportivos, que inclúen tamén o subcampionato de Europa e o campionato de España, e agradeceulle que leve o nome de Valga por todo o mundo non só presumindo das súas orixes, senón tamén impreso na pá coa que, no seu día, a agasallou o Concello e coa que compite.

Unhas setenta persoas trasladáronse a Vigo en dous autobuses fretados polo Concello e ás que, xa no aeroporto, se sumou outro grupo do Náutico de Pontecesures, club no que está enrolada Nerea Novo. En total, unhas cen persoas para recibir á campioa.

Con pancartas coas lendas “En hora boa, Nerea Novo, campioa mundial júnior feminina. Orgullosos de ti” e “Parabéns, Nerea. Campioa” agardaron a saída da xove deportista, que participou por partida dobre na cita mundialista. Acadou o ouro en categoría C1 júnior, completando o circuíto de 11’10 quilómetros, nun tempo de 1:14:52, e logrou un meritorio sétimo posto na proba de maratón curto sénior, na que competía contra rivais de superior categoría.

Emocionada polo recibimento, Nerea abrazouse a seus pais e ao seu irmán, saudou a familiares e achegados e celebrou o seu trunfo cos compañeiros de equipo, entre berros de “Campioa”, “Medalla de ouro”, “A rapaza de Outeiro chegou primeiro”. Despois recibiu os parabéns dos representantes municipais, que a agasallaron cun ramo de flores. Ademais do alcalde, acudiron o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e os tenentes de alcalde Román Castro e Carmen Gómez. Bello Maneiro destacou o que representa para Valga o éxito deportivo de Nerea: “É a primeira vez que Valga ten unha campioa do mundo e sentimos todos unha alegría inmensa. Merecía este recibimento”, dixo para rematar cun “viva Valga e viva Nerea”. O rexedor animouna a “seguir loitando polos seus soños e para seguir colleitando trunfos” e arengou ás administracións, Xunta e Deputación, a apoiar aos deportes minoritarios e a deportistas como Nerea que, con moito poucos recursos, acadan grandes logros e poñen a Galicia no mapa mundial.

“Non esperaba este recibimento, é incrible ver a todo o mundo aquí”, exclamaba a protagonista rodeada de veciños e amigos no propio aeroporto. “Estou nunha nube, vivindo un soño. Era unha regata na que podía pasar calquera cousa, pero conseguino e estou moi contenta. Cando me ía achegando á meta non podía asimilar que ía ser campioa do mundo, pero agora xao teño máis que crido”, comentou sobre a proba na que se proclamou campioa. A piragùista de 16 anos xa sabe que vai facer coa medalla de ouro: “Vouna enmarcar co dorsal e ca camiseta” e, de cara á próxima tempada, as expectativas están por todo o alto: “Máis e mellor. Vou seguir adestrando para regresar con todo”.

Mañá, ás 12:00 horas terá lugar no Concello a recepción oficial a Nerea Novo, á que poden asistir todo os veciños que o desexen.

RecibimentoNerea2 RecibimentoNerea3

RecibimentoNerea4 RecibimentoNerea5

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver