Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os veciños desta aldea de Cordeiro recuperaron un espazo cunhas fermosas vistas do río Ulla e das súas ribeiras

- A Canle e Barro clasificáronse en segundo e terceiro lugar e Vilarello acadou o premio ao mellor mantemento

vilar1

Valga, 27 de agosto de 2023.

A aldea de Vilar, en Cordeiro, foi elixida como o lugar máis fermoso de Valga polo xurado do concurso “Embelecer Valga”, que o pasado día 19 percorreu os parques e espazos públicos acondicionados polos veciños.

No caso de Vilar, as obras realizadas teñen como principal expoñente a recuperación do Miradoiro da Perdiz, un espazo que se atopaba degradado e que se ten convertido nesta última semana nun lugar de referencia para visitantes pero tamén para veciños doutras parroquias e lugares de Valga, que acoden a contemplar as fermosas vistas do río Ulla e das súas dúas ribeiras.

Un grupo de catorce persoas participaron nos traballos de embelecemento deste miradoiro. “Estaba a monte, nin sequera se vía o río coas mimosas que había”, lembra Beatriz Barreiro, unha das veciñas que colaboraron no proxecto. “Era unha mágoa telo así, porque o lugar préstase, así que decidimos adecentalo e crear este mirador que quedou moi bonito e que está causando furor. Moita xente pregúntanos a diario como se pode chegar e hai que pedir vez para facer unha foto alí, hai cola”. E os veciños, como non, están orgullosos deste “éxito” porque “para iso o fixemos”.

Os traballos incluíron a limpeza e retirada de vexetación da zona, a instalación de máis de cen metros de varanda de madeira tratada en autoclave e a colocación dunha estrutura de ferro en forma de corazón coa lenda “Quérote” na parte superior. “As letras foron forxadas a lume” por outro dos membros do grupo, Miguel Blanco, que é ferreiro e que tamén se encargou de dar forma e soldar as distintas pezas que forman o corazón. A estrutura está suxeita ao chan mediante unha cadea para maior seguridade e o piso foi adoquinado. Tamén crearon un pequeno punto de descanso cunha mesa e bancos de pedra.

Grazas ao boca a boca e ás redes sociais o miradoiro xa se ten convertido nun novo punto de referencia turística en Valga. “As vistas panorámicas do río Ulla que poden contemplarse dende alí non as hai en moitos sitios”, destaca Beatriz Barreiro. Trátase dun aliciente máis para que a xente se achegue a Valga a gozar de novas experiencias e a descubrir os recursos naturais, culturais e patrimoniais cos que conta.

Este proxecto foi premiado con 300 euros, un diploma e un trofeo que onte recolleron no acto institucional da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País celebrado no Parque Irmáns Dios Mosquera.

O segundo posto do certame (200 euros de premio) recaeu no lugar de A Canle, onde os veciños realizaron actuacións de mantemento e posta a punto do parque.

En terceiro lugar clasificouse Barro, que recibiu un premio de 100 euros polos traballos de ampliación do local social e acondicionamento do parque, no que instalaron unha nova caseta de xogos para os máis cativos e un aseo público.

Por último, entregouse un premio especial ao lugar cun mellor mantemento durante todo o ano. Este galardón, dotado con 150 euros, recaeu tamén en Vilarello, polas tarefas de conservación da casa veciñal, creación dun local destinado a almacén, acondicionamento do parque e dos seus arredores e limpeza dos lavadoiros da aldea.

Os materiais para a realización de todas estas actuacións foron aportados polo Concello de Valga.

Tamén concorreron a esta edición de “Embelecer Valga” os lugares de Balleas, Barcia, Beiro, Campaña (Igrexa), O Carballiño, CEIP Baño-Xanza, CODI, CRA de Valga, Eiras, Escola Infantil, Ferreirós (con dúas comisións que actuaron no parque e nun talude da estrada PO-190), A Medela, Raxoi e Reguengo. Todos eles foron gratificados con 100 euros pola súa participación.

MiradoiroPerdiz2 MiradoiroPerdiz3

ParqueCanle1 ParqueCanle2

ParqueBarro1 ParqueBarro2

Vilarello1 Vilarello2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver