Accessibility Tools

OS APRENDICES DE CARPINTERÍA DO OBRADOIRO DE EMPREGO EXECUTARON MELLORAS EN ESPAZOS E INFRAESTRUTURAS PÚBLICAS

- Acometeron melloras nas fervenzas, no miradoiro de Beiro e no colexio Ferro Couselo

- Tamén construíron novas illas de contedores para reducir o impacto visual dos puntos de recollida de residuos

ObrasCarpintería1

Valga, 10 de novembro de 2026.

O alumnado da especialidade de Carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia desenvolveu nas últimas semanas diferentes actuacións en Valga, orientadas a renovar e acondicionar espazos públicos, equipamentos e elementos patrimoniais do municipio.

Por exemplo, o acondicionamento do valado de protección na contorna das Fervenzas de Parafita, garantindo a seguridade dos visitantes; ou a mellora do peche perimetral no xacemento Igrexa Vella. Tamén no ámbito do patrimonio e dos espazos naturais, levaron a cabo a substitución do valado de madeira no miradoiro do Monte de Beiro e, neste mesmo lugar, arranxaron e pintaron as aspas do Muíño de Vento.

En canto ás infraestruturas comunitarias, destaca a construción e instalación de illas de contedores nos lugares de Gándara e Casal de Eirigo, destinadas a integrar e mellorar o impacto visual destes puntos de recollida de residuos. Tamén arranxaron e crearon novo mobiliario para oficinas municipais e acometeron melloras no colexio Xesús Ferro Couselo, coma a colocación dunha nova varanda nas escaleiras ou a dotación dun novo peche para a área de xogos infantil.

E pensando no Nadal, que xa está ás portas, e na importancia do Belén Artesanal, restauraron e pintaron o autobús de madeira que decora os exteriores do nacemento.

Con anterioridade, os mesmos aprendices de carpinteiros xa acometeran o arranxo integral dunha pasarela de madeira sobre o río Valga, no lugar de Souto (Campaña).

Formación para vinte persoas desempregadas

O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia é unha iniciativa promovida conxuntamente polos concellos de Valga, Moraña e Portas. O programa conta coa participación de vinte persoas desempregadas dos tres municipios, que combinan a formación teórica coa práctica profesional nas especialidades de carpintería e traballos forestais, permitíndolles mellorar a súa empregabilidade ao tempo que executan obras de interese social e comunitario.

ObrasCarpintería2 ObrasCarpintería3