- Bello Maneiro a concelleira Carmen Gómez visitarárona no seu domicilio para agasallala cun ramo de flores e unha torta
- Nesta data sinalada, a centenaria de Laxes estivo acompañada por familiares e achegados
Valga, 12 de marzo de 2026.
Cal é o segredo da lonxevidade? Dolores Benilde Castaño Bandín é unha das veciñas de Valga que poderían desvelalo. Hoxe celebra o seu 102 aniversario, unha data sinalada para toda a familia e motivo de festa. Así se notaba no seu domicilio en Laxes, a onde acudiron moitos achegados a felicitala e a celebrar con ela: a súa nora, o seu neto, sobriños e primos, tanto de Valga coma doutras localidades próximas coma Dodro.
A eles sumáronse o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que agasallaron á centenaria cun ramo de flores e unha torta na que apagar as candeas. Non faltou tampouco un brinde, porque a Benilde aínda lle gusta tomar un chopo de viño a cotío. Ao vela semella que por ela non pasan os anos. Faladora coma a que máis, conversou co alcalde sobre varios parentes e veciños de Valga e sobre algúns dos proxectos que se están a desenvolver no concello.
Nada en 1924 na aldea de Beiro, Benilde trasladouse a Laxes, tamén en Cordeiro, cando casou. Tivo un fillo, tres netos e dous bisnetos e durante uns anos residiu tamén na cidade de Pontevedra, onde traballou como cociñeira e rexentou unha pensión para estudantes. É a segunda muller máis lonxeva de Valga, despois de María Tarrío, de Eiras, que no pasado setembro cumpriu 103 anos.
A súa despedida do alcalde foi toda unha declaración de intencións: “De hoxe nun ano”, díxolle.







