- Inclúe accións coma Madrugadores, a Escola de Verán ou os obradoiros de memoria e autocoidado para maiores
- As empresas que queiran optar á adxudicación teñen de prazo ata o día 16 para presentar ofertas
Valga, 7 de febreiro de 2026.
O Concello sacou a licitación o Programa de Conciliación e Igualdade – Medrando en Igualdade, que inclúe a realización de actividades e servizos de carácter sociocultural e educativo destinados a facilitar a conciliación das familias con menores de ata 16 anos, o desenvolvemento de accións e campañas de sensibilización en materia de corresponsabilidade, igualdade e coidado compartido, e a execución de programas e obradoiros participativos que fomenten os valores da igualdade e o respecto.
O contexto social actual amosa que as tarefas de coidado e atención familiar seguen recaendo de maneira maioritaria nas mulleres, o que xera desigualdades no acceso ao emprego, na autonomía persoal e na participación social. Así mesmo, a falta de recursos de conciliación no ámbito rural dificulta compatibilizar o desenvolvemento profesional coas obrigas familiares, especialmente no caso das familias con menores a cargo. Neste marco, o Concello considera imprescindible a posta en marcha deste servizo para dar resposta ás citadas necesidades.
O Programa de Conciliación e Igualdade inclúe as seguintes iniciativas:
- Madrugadores, para facilitar a entrada temperá dos menores aos centros educativos.
- Programa de Tardes, dirixido á atención e acompañamento despois do horario lectivo.
- Concilia Nadal, Concilia Entroido e Concilia Semana Santa, con actividades lúdico-educativas durante o período non lectivo correspondentes as datas correspondentes para cada período.
- Concilia Verán, combinando xogos, aprendizaxe e convivencia dirixido a menores de 3 a 11 anos.
- Campus de Verán, con propostas de lecer saudable para menores de 12 a 16 anos.
Ademais, a contratación deste servizo inclúe o deseño e execución de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados, estruturados en dúas grandes áreas de actuación:
- Escola de Igualdade, orientada á promoción da igualdade de xénero, corresponsabilidade e respecto entre mulleres e homes.
- Actividades de autocoidado físico, social, emocional e mental, dirixidas a mellorar o benestar integral da poboación (andainas, estimulación cognitiva e obradoiro de autocoidado).
A duración do contrato será dende a data da formalización ata o 31 de decembro de 2026, con posible prórroga para a anualidade 2027. O orzamento de licitación ascende a 122.793’21 euros por anualidade.
As empresas que queiran optar á adxudicación poden presentar ofertas ata o día 16 de febreiro.







