Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ambas administracións asinaron recentemente o convenio, que recolle un investimento de 153.520 euros

- Colocarase un novo pavimento de pedra para mellorar a accesibilidade ao templo románico

IgrexaCampaña

Valga,  6 de febreiro de 2026.

Despois de que, a semana pasada, o Concello e Turismo de Galicia ratificaran un acordo para acondicionar a contorna da capela da Devesa, ambas administracións veñen de asinar un novo convenio para executar outra obra de posta en valor do patrimonio local: a humanización dos arredores da igrexa parroquial de Santa Cristina de Campaña.

O investimento que se realizará neste proxecto ascende a 153.520 euros. Os traballos que están previstos para mellorar a accesibilidade ao templo románico inclúen a retirada do actual pavimento e a súa substitución por pedra, a colocación de mobiliario, traballos de xardinaría e a sinalización da zona con prioridade peonil. Ademais, colocaranse as canalizacións para un futuro soterramento das liñas aéreas de servizos.

A igrexa de Santa Cristina data do século XII e está formada por unha única nave dividida en tres tramos por dúas parellas de columnas e ten, coma outro dos elementos característicos, un arco triunfal de medio punto aberto no muro da nave. A fachada conserva a portada románica.

A sancristía atópase nunha nave lateral construída con posterioridade e o campanario atópase exento, nunha torre de planta cuadrangular. Erixiuse a finais do século XX despois que un raio destruíra o anterior.

No interior destacan as pinturas murais que decoran a cabeceira do templo e que datan do século XVI e que foron restauradas no ano 2014. Representan escenas coma a Anunciación do arcanxo San Gabriel a María.

Ademais, na zona do cemiterio atópanse unha cruz de granito e un cruceiro do século XX.

Volver