- A tradición impúxose ás precipitacións, aínda que un tramo do desfile realizouse cos santos e as ofrendas protexidos nun vehículo
- Na poxa final, as patas de porco cotizaron entre 40 e 70 euros
Valga, 2 de febreiro de 2026.
A incerteza sobrevoou dende primeiras horas da mañá a Festa da Candeloria, que hoxe se celebrou na parroquia de Cordeiro. A chuvia ameazaba á Procesión dos Lacóns e, de feito, obrigou a cambiar a tradición para que o desfile entre Vilar e a igrexa de Cordeiro puidera celebrarse. Os santos e os lacóns saíron da capela de San Paio, onde tivo lugar a bendición das candeas, nunha furgoneta para protexelos das precipitacións que caían de forma intermitente.
Así transcorreron os primeiros compases da procesión: coas imaxes a as ofrendas sobre rodas e os veciños cubertos por paraugas. Iso sí: as paradas realizáronse como de costume, con tirada de fogo incluída. En Vilar e Moldes senllos chaparróns impediron que os santos saíran do vehículo. En Vilarello, en cambio, si puideron sacarse xa que o altar atopábase baixo cuberto.
Despois o tempo deu unha tregua e todo voltou á normalidade. Foi a partir do lugar das Eiras, cando San Paio, San Antón e San Roque por fin puideron saír do maleteiro, ao que xa non volveron, e facer o resto do percorrido como é habitual, incluíndo outras tres paradas no Outeiro; en Ferreirós e Beiro. Diante deles, os catorce lacóns ofrecidos por veciños e entidades, entre elas o Concello que doou dúas patas de porco para contribuír á conservación desta tradición cuxa orixe se remonta ao século XIX.
Á chegada á igrexa de Cordeiro, e tras dar unha volta completa ao templo, o párroco Arturo Lores oficiou unha misa solemne trala que tivo lugar a poxa dos lacóns, que cotizaron entre 40 e 70 euros, cunha recadación total de 790. Tralas patas de porco, tamén se poxaron outras ofrendas chegadas dende A Guarda: unha cesta con langostas e unha rosca.







