Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A exposición, organizada polas mulleres rurais “Albor”, pode verse no Auditorio Municipal ata mañá ao mediodía

- O alcalde asistiu esta tarde ao acto de entrega de agasallos aos participantes

MostraCamelia26 1

Valga, 31 de xaneiro de 2026.

“En Valga esperta a camelia,

branca, rosa, vermella en flor,

enche os xardíns de silencio

e o inverno vístese de cor”.

Este verso resume á perfección o que se vive, durante esta fin de semana, no Auditorio Municipal da man da XVIII Mostra da Camelia “Bella Otero”. O autor é Santiago Chenlo, un dos máis de corenta participantes na exposición, entre colectivos e coleccionistas particulares que, un ano máis, responderon á convocatoria da asociación de Mulleres Rurais “Albor”.

É a décimo oitava edición dunha mostra que ten como particularidade que está feita por e para Valga: con participantes valgueses e con camelias cultivadas en Valga. “É un orgullo para nós ver como evolucionou esta exposición nos seus 18 anos de traxectoria”, sinalou a presidenta de Albor, Begoña Piñeiro, no acto de entrega de agasallos celebrado esta tarde.

Acompañárona o alcalde, José María Bello Maneiro, e a presidenta de honra da asociación e “alma mater” da mostra, Rosa Crespo. Esta última fixo mención a como ten medrado a afección polo cultivo da camelia en Valga nos últimos anos. “Grazas á exposición da camelia, cada vez son máis os coleccionistas que hai no concello e, ademais, con camelias de moitísima calidade” porque “en Valga temos unha terra marabillosa para as camelias”, sinalou.

Aínda que a falta de sol deste inverno retrasou a floración, son moitas as variedades que poden verse ata mañá ao mediodía no Auditorio. Entre os participantes atópanse: a Escola Infantil, o CRA, os colexios Ferro Couselo e Baño-Xanza, as súas respectivas ANPAs e a asociación de pais e nais do IES de Valga. Outros colectivos coma a Escola de Teatro, Amigos do Belén, Palilleiras “Bella Otero”, Asdivalu, Axentiva, Musival, Centro Superior de Música e Cafetería Auditorio.

Os coleccionistas particulares que aportan as súas camelias e composicións florais son: Adelina Viñas, Ana María Rodríguez, Beatriz Barreiro, Chloe Potel, Dolores Campos, Encarna García, Fátima Leite, Isolina Campos, Elena Montero, Loli Fuentes, Mª Mar González, Mª Jesús Ferreirós, Marc Cunha, Mercedes Mondragón, Rosa Crespo, Santiago Chenlo, Sonia Carbia, Miguel Oliveira, Marisa Ferreirós, Conchi Isorna, Aída Castiñeiras, Isolina Montero e Carmen e Teresa Iglesias González.

O alcalde agradeceulles a todos a súa contribución e felicitou á asociación “Albor” pola organización. “Estamos moi orgullosos de todo o que se fai no noso concello e, neste caso, no que todas as flores e participantes son valgueses, o orgullo é dobre”.

Tralo acto, as mulleres rurais “Albor” celebraron a asemblea da asociación, que cumpre 33 anos.

MostraCamelia26 2 MostraCamelia26 3

 

Volver