Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O centro, que agrupa ás seis escolas rurais do concello, vén de recibir un galardón da Consellería de Educación

- A reforma dos espazos educativos, a apertura á contorna rural e a atención á diversidade son as claves do proxecto educativo do CRA

CRAdeValga

Valga, 29 de xaneiro de 2026.

A Consellería de Educación vén de recoñecer ao CRA de Valga coma un dos centros de referencia a nivel autonómico no que á innovación educativa se refire. O Centro Rural Agrupado, do que forman parte as escolas de Campaña, Chenlo, Forno, Vilarello, Ferreirós e Xanza, foi galardoado co segundo premio no certame Innovagal, convocado pola Dirección Xeral de Innovación Educativa, dentro da categoría de escolas infantís, CRAs, centros de educación especial e colexios de Infantil e Primaria.

Este galardón “recoñece o labor que se vén desenvolvendo no CRA de Valga nos últimos anos, iniciado polos anteriores equipos directivos encabezados por Adrián Baloira e Antía Piñeiro, e ao que se está a dar continuidade agora”, destaca a actual directora, Sara Costa, que ademais pon en valor a colaboración constante entre o centro e o Concello para avanzar na mellora das instalacións e desenvolver actuacións que “doutro xeito serían imposibles”.

A directora sinala, como as claves da repunta experimentada polo CRA nos últimos anos, a remodelación dos espazos nas escolas e os cambios metodolóxicos e organizativos, sempre co obxectivo de acadar un desenvolvemento integral das capacidades do alumnado, atendendo á diversidade como fonte enriquecedora e explotando o carácter rural do centro, cunha apertura á contorna que permite combinar a aprendizaxe tanto dentro coma fóra das escolas.

O premio está dotado con 6.000 euros e, ademais, o CRA recibirá un distintivo de Centro Educativo Innovagal.

Volver