Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o deputado Javier Tourís animaron os colectivos locais a aproveitar as subvencións para acondicionar locais, adquirir equipamento e mellorar as traídas

- Os plans Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua contan cunha dotación total de 3’2 millóns de euros

AxudasDepo1

Valga, 28 de xaneiro de 2026.

Representantes de asociacións valguesas déronse cita onte no Auditorio para asistir á presentación das axudas dos plans de acción comunitaria da Deputación Provincial. O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Malena Isorna e José Ángel Souto acompañaron no acto ao deputado Javier Tourís e técnicos da administración provincial que explicaron polo miúdo a convocatoria do ano 2026, publicada no Boletín Oficial da Provincia do día 2 de xaneiro.

En conxunto, os programas Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua contan cun orzamento de 3’2 millóns de euros, un 20% máis que o pasado ano. Bello Maneiro e Tourís animaron ás asociacións de Valga a que concorran á convocatoria, xa que poden recibir axudas de ata 10.000 euros para os seus proxectos de acondicionamento de locais, equipamento, mellora da xestión da auga. Valga foi en 2025 un dos catro municipios da provincia que máis fondos recibiu destes programas: case 115.000 euros repartidos entre 12 colectivos.

O plan Provincia Comunitaria vai dirixido a asociacións veciñais e de mulleres rurais, que poden investir as axudas en obra nova ou reforma de local, adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou para actividades.

O progama +Aqua diríxese a comunidades de usuarios de augas legalmente constituídas, que poden destinar os cartos a melloras nas instalacións das traídas de auga, dixitalización e eficiencia enerxética, sistemas tratamento e control, mellora da calidade da auga e da captación e infraestruturas de almacenamento.

Por último, o plan +Novaqua, tamén para comunidades de augas, ten como obxectivo a regularización de traídas de auga veciñais, financiando os proxectos de legalización, analíticas obrigatorias, estudos topográficos, gastos de xestión e rexistrais e taxas obrigatorias.

A tramitación destas axudas poden realizarse ata o vindeiro 1 de abril.

AxudasDepo2 AxudasDepo3

 

Volver