- A asociación de concellos traballa na consolidación dunha ruta terrestre que complemente á marítimo-fluvial
- Tamén se presentou a nova imaxe de marca, na que Valga aparece representada polas fervenzas de Raxoi e Parafita

Valga, 22 de xaneiro de 2026.
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, participou esta mañá na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, na presentación das novas liñas de actuación do xeodestino Mar de Santiago para situar este territorio, do que forman parte Valga, Vilanova, Catoira e Pontecesures, coma un punto turístico de referencia en Galicia.
Entre as novidades que se expuxeron ante os profesionais do sector turístico, destacan a creación da nova imaxe de marca; a posta en marcha dunha ruta por terra que vertebrará todo o destino, facilitando a súa visita e mellorando a experiencia dos turistas; a execución dos diferentes proxectos vinculados ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino financiados polos fondos Next Generation UE, que estarán rematados antes do mes de maio; e a captación de novas liñas de financiamento para a implementación de actuacións vinculadas á sustentabilidade, á mellora da eficiencia enerxética, á dixitalización e a creación de novos recursos turísticos para a posta en valor do territorio.
En total, case 7,3 millóns de euros de investimento, que permitirán ao xeodestino Mar de Santiago “aumentar a calidade da súa oferta turística, pero tamén recuperar espazos e crear novas zonas de esparexemento para o desfrute da poboación local dos catro municipios que compoñen o destino” e que permitirán situar a Mar de Santiago coma un destino turístico de referencia en Galicia.
Ademais de representantes dos catro concellos, no acto tamén participaron Xosé Manuel Merelles, Director de Turismo de Galicia; Luis López Diéguez, Presidente da Deputación de Pontevedra.
Máis financiamento para a execución de actuacións no territorio
Tal e como se destacou na presentación, a Asociación Mar de Santiago centrou boa parte do seus esforzos dos últimos tempos en acadar novas liñas de financiamento que permitiran medrar e mellorar o proxecto, especialmente nos ámbitos da sustentabilidade, a mellora da eficiencia enerxética e a dixitalización turística.
Un esforzo que se viu recompensando coa consecución de mais de 4’3 millóns de euros en fondos da senda financeira FEDER a Plans de Actuación Integrados, que se suman aos 1’7 millóns de euros para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Mar de Santiago: un percorrido marítimo-fluvial”, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea; e aos 170.000 euros do convenio coa Axencia de Turismo de Galicia.
Unha nova marca turística acorde á modernización do xeodestino
O traballo de captación de investimentos públicos para o reposicionamento do xeodestino desenvolveuse en diferentes ámbitos, incluíndo tamén os aspectos máis básicos, como o redeseño da imaxe de marca do territorio. Deste xeito, Mar de Santiago modernizou a súa marca cunha nova proposta gráfica que se simplifica e pasa a integrar a identidade e idiosincrasia dos catro concellos que compoñen o destino.
Así, a nova marca presentada en FITUR recolle no seu imagotipo as fervenzas de Raxoi e Parafita que representan a Valga, as ondas do mar a Vilanova de Arousa, as Torres de Oeste de Catoira e a ponte romana de Pontecesures. Todo integrado en diferentes tonalidades de azul que reflexan as cores do mar e do entorno fluvial que conviven neste xeodestino.
Unha ruta por terra que vertebrará o territorio máis aló da auga
Máis aló da ruta pola auga coa que xa se atopa posicionado o xeodestino, a Asociación Mar de Santiago presentou tamén o camiño por terra que está a desenvolver, e que permitirá descubrir a pé todos os atractivos naturais, patrimoniais e gastronómicos cos que conta o xeodestino.
Esta proposta, que aposta por potenciar novas actuacións para o fomento do lecer e o turismo slow, permitirá vertebrar o territorio por terra e auga, complementando a importancia que ten o percorrido fluvial nun destino que conta entre os seus principais atractivos co único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo.
Avances nos proxectos vinculados ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino
Durante a presentación falouse tamén do estado no que se atopan os diferentes proxectos vinculados ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Mar de Santiago, que están xa avanzados e cuxos traballos rematarán antes do mes de maio. Estes inclúen o acondicionamento da Lagoa Porto Piñeiro para a construción no espazo dunha praia artificial.







