Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As tres agrupacións interpretaron, por separado e tamén en conxunto, panxoliñas e outras cancións de Nadal

- O alcalde e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna presenciaron a actuación

ConcertoReis25 1

Valga, 5 de xaneiro de 2026.

A Banda Municipal de Valga, a Orquestra Clásica e a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro iniciaron o ano ofrecendo un concerto conxunto no Auditorio Municipal, unha actividade que xa se ten convertido nunha tradición máis do Nadal valgués. A actuación tivo lugar onte no Auditorio Municipal, no que as tres agrupacións locais estiveron arroupadas polo público que aplaudiu as súas interpretacións de panxoliñas e outros temas de Nadal.

A Coral foi a encargada de abrir a sesión musical. Dirixida por Manuel López Castro, cantaron a canción popular alemá “Abete”, “La Nuit”, “Lirio del Alba” e a tradicional “A run run, meu neno”, esta última co acompañamento do público. A continuación foi a quenda da Banda e a Orquestra Clásica, con Manuel Villar á batuta e cun repertorio composto por “O Quebranoces” de Tchaikovsky, “A Sinfonía nº 9 – Do novo mundo” de Dvorak e “Tritsch Tratsch Polka” de Strauss.

Por último, as tres formación compartiron escenario para poñer o colofón ao concerto coa interpretación conxunta do tema popular galego “O carrapuchiño”, o “Aleluya” de Leonard Cohen e a clásica “Noite de paz”. Remataron co “Himno a Valga”, que puxo en pé a todos os asistentes.

Ao concerto asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna, que fixeron entrega ás agrupacións participantes dun agasallo conmemorativo do concerto. O rexedor manifestou “a satisfacción que supón poder escoitar esta gran actuación” e bromeou con que “despois do concerto de Aninovo de Viena, está o de Valga”. Bello Maneiro puxo en valor o traballo que realizan a Escola de Municipal de Música e a Coral para poder protagonizar concertos coma o de onte. “Estamos moi orgullosos de todos vós”, rematou.

ConcertoReis25 2 ConcertoReis25 3

Volver