Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ao pulsar o botón táctil dase prioridade aos peóns, obrigando a deterse aos vehículos

- Tamén se reforzou a visibilidade neste punto coa colocación de luminarias sobre o paso de cebra

PasopeónsN 550 1

Valga, 2 de xaneiro de 2026.

Neste comezo de ano entrou en servizo o novo paso de peóns sinalizado na N-550 en Pontevalga, xusto fronte ao Concello, un punto no que ata agora ducias de persoas ao día cruzaban a estrada nacional de xeito irregular para realizar trámites nas oficinas municipais.

Este paso de cebra, que se pintou o día 30 de decembro, está regulado por un semáforo que conta cun botón táctil que, ao premer, dá prioridade de paso aos viandantes e obriga a deterse aos vehículos. Ademais, tamén se reforzou a iluminación no lugar para mellorar a visibilidade, especialmente de noite.

Dende o goberno local pídese a todos os veciños que, pola súa seguridade, empreguen correctamente este novo paso de peóns e eviten atravesar de xeito irregular a estrada. Deste xeito, con responsabilidade, poderanse evitar accidentes neste punto da N-550, polo que circulan a diario milleiros de vehículos, moitos deles pesados.

A execución destas obras correu a cargo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, tralas reiteradas peticións realizadas polo goberno local nos últimos anos. O alcalde, José María Bello Maneiro, insiste en que son máis as obras de seguridade viaria acordadas entre o Concello e o Ministerio para reforzar a seguridade no tramo da estrada nacional que discorre por Valga. “Esperamos que todas sexan unha realidade canto antes”, apunta o rexedor.

PasopeónsN 550 3 PasopeónsN 550 2

Volver