- A actividade foi organizada polo Concello para celebrar as festas e fomentar as relacións sociais
- Recibiron como agasallos unha bola co seu nome para decorar a árbore e xabóns feitos no CODI
Valga, 23 de decembro de 2025.
O director xeral de Maiores, Antón Acevedo, acompañou esta tarde aos participantes no programa de Envellecemento Activo nunha xuntanza de Nadal, na que tamén estiveron usuarios do CODI e das actividades de inclusión tecnolóxica da Aula CeMIT. A xuntanza foi organizada polo Concello para celebrar con todos eles as festas de Nadal e para contribuír a un dos obxectivos do programa: promover as relacións sociais e previr a soidade.
A actividade tivo lugar no Auditorio Municipal e tamén participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, que compartiron cos veciños asistentes unha merenda con chocolate con churros e interesáronse por como se están a desenvolver os obradoiros de expresión artística, estimulación cognitiva, autocoidado e as andainas polo concello.
E, nestas datas, non podían faltar os agasallos. Todos recibiron por parte do Concello unha bola personalizada co seu nome para adornar a árbore de Nadal, deseñadas e feitas con impresora 3D polos alumnos dos cursos de novas tecnoloxías da Aula CeMIT. Outro dos regalos foi un xabón elaborado polos usuarios do CODI.







