- Colexios e institutos de Valga, Rois, Santiago, Pontevedra, A Coruña e Vigo pasaron polo nacemento
- Outros dos grupos que estiveron en Campaña procedían de Betanzos, Pontedeume, o Baixo Miño e o Val Miñor
Valga, 21 de decembro de 2025.
Entre a multitude de visitas que acumula o Belén Artesanal en Movemento dende que se inaugurou, o pasado 30 de novembro, continúan as de centros educativos, grupos de viaxeiros ou entidades de carácter social coma as que pasaron esta semana por Campaña para visitar o nacemento fóra do horario habitual de apertura, previa solicitude de cita.
As escolas do CRA de Valga continuaron o seu paso polo Belén, así coma o alumnado do colexio Ferro Couselo. Pero tamén foron varios dos colexios e institutos doutras localidades galegas que aproveitaron os últimos días lectivos para achegarse a Valga. Foi o caso do colexio Juan Sebastián el Cano, de Pontevedra, que desprazou a 21 estudantes de Primaria e 17 de Secundaria. Este centro adoitaba visitar o Belén todos os Nadais, pero “facía 4 ou 5 anos que non viñamos” e agora decidiron retomar a tradición.
Tamén estiveron en Campaña 80 alumnos do IES Pontepedriña de Santiago, outros habituais do Belén; e o IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, que fai uns 20 anos que non falla á súa cita co nacemento valgués. Nesta ocasión viñeron 56 rapaces de 1º e 2º da ESO.
Dende A Coruña chegou unha delegación de 48 estudantes e mestres do IES Monte das Moas e, dende Vigo, 42 persoas do instituto A Guía. Por último, en canto a centros educativos, o CPI Os Dices, de Rois, trouxo ata o Belén Artesanal a 57 alumno do ciclo de Secundaria.
Aos maiores tamén lles encanta o Belén e así o demostraron os usuarios do Centro de Día de Vilagarcía, aos que lles encantou percorrer a montaxe e ver as novas escenas e figuriñas. A mediados de semana, estiveron no nacemento 55 persoas de Betanzos e Pontedeume que viaxaron coa Fundación Abanca. “É a primeira vez que vimos. Agora todo o mundo vai a ver as luces de Vigo e nós queriamos facer algo distinto. Ademais, tiñamos gañas de coñecer o Belén de Valga”.
E xa na recta final da semana, pasaron pola montaxe os usuarios do CODI e tamén a asociación Amipa, colectivo da comarca veciña do Sar que traballa para a mellora da calidade de vida de persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.
Por último, nunha viaxe organizada por unha axencia, o venres desembarcaron en Campaña 230 persoas de Santa María de Oia, A Guarda, Tomiño, Tui, Gondomar, Vigo e Nigrán, que viviron unha xornada dedicada por completo ao Nadal, coa visita ao Belén de Valga e a outro nacemento de Santiago.
A isto hai que engadir ás persoas que visitan o Belén dentro do seu horario habitual de apertura, e que se contan por milleiros. Por exemplo, o pasado domingo máis de 10 autobuses chegaron ata o local do Belén cargados de visitantes de diferentes localidades galegas e de Asturias.
O Belén Artesanal, que está declarado de Interese Turístico de Galicia, estará aberto ata o día 11 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.







