Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Autobuses e excursións chegadas dende diferentes puntos de Galicia e España sumáronse a familias e grupos da bisbarra

- O domingo foi a xornada que congregou a máis público, superando as 3.000 visitas

BelenVisitas25 1

Valga, 11 de decembro de 2025.

A ponte de decembro é sempre unha data destacada no calendario de apertura do Belén Artesanal, xa que son moitas as persoas que aproveitan as xornadas festivas para achegarse a Campaña a ver o nacemento en familia, con amigos ou en excursión. E nesta edición, a do trinta aniversario, non foi menos. Máis de 7.000 persoas acudiron a ver a montaxe deste Nadal entre o venres 5 e o domingo 7, unha cifra que dende a asociación Amigos do Belén valoran como “espectacular”, especialmente tendo en conta que o tempo non acompañou.

Pero nin a chuvia nin o vento foron obstáculo para que autobuses con excursionistas chegados dende diferentes puntos de Galicia e de España fixeran parada en Valga atraídos pola sona do Belén Artesanal. Asturias, Ponferrada ou Vigo foron algunhas das procedencias destes viaxeiros, aos que se sumaron numerosas familias e pequenos grupos que fixeron que o trafego de xente fora continuo durante os tres días da ponte, especialmente o domingo, cando se superaron as 3.000 visitas. O sábado e o luns a cifra rondou as 2.000 persoas diarias.

O Belén continuará aberto ata o día 11 de xaneiro, con entrada de balde. De luns a venres de 17:30 a 20:30 horas e os sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. Fóra deste horario de apertura, os grupos poden solicitar cita no teléfono 630 95 25 15.

Volver