Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Esta mañá realizouse no Edificio de Usos Administrativos o sorteo de prazas para os tres desprazamentos previstos

- Tamén se informou aos asistentes sobre as actividades de envellecemento activo organizadas polo Concello e que teñen aberto o prazo de inscrición

SorteoImserso25 1

Valga, 20 de outubro de 2025.

Oitenta veciños de Valga viaxarán durante a primeira metade do ano 2026 a Alacante e Fuerteventura, a través do programa de turismo social do Imserso. Esta mañá tivo lugar no Edificio de Usos Administrativos o sorteo das prazas (un total de 80) entre os 117 solicitantes. No acto participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e persoal municipal relacionado cos departamentos de Maiores e Servizos Sociais.

En dúas das viaxes había máis demanda que prazas: o desprazamento a Fuerteventura no mes de febreiro, con 20 prazas e 27 inscritos, e o de Alacante do mes de abril, que foi o destino máis solicitado con 51 peticións para 20 prazas. Ademais do sorteo, tamén se estableceu a orde da lista de espera, en caso de que se produzan renuncias.

A terceira viaxe, tamén a Alacante, pero en febreiro dispoñía de 40 prazas e só se presentaron 39 inscricións, polo que quedaba unha vacante que tamén se sorteou entre as persoas excluídas dos outros dous deprazamentos e que aceptaron o cambio de destino ou data.

O programa de turismo social do Imserso é unha iniciativa de envellecemento activo que ofrece ás persoas maiores estancias en zonas de costa e turismo de interior, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e a previr a dependencia. As viaxes son subvencionadas polo Ministerio de Dereitos Sociais e o Concello que, ademais se fai cargo dos desprazamentos ata o aeroporto.

O paquete inclúe transporte de ida e volta en avión, aloxamento en réxime de pensión completa e programa de animación sociocultural, así coma os correspondentes seguros e servizo médico.

Actividades de envellecemento activo

Aproveitando este acto, lembrouse aos asistentes que ata o vindeiro luns poden inscribirse nas actividades de envellecemento activo, dirixidas a  maiores de 55 anos. Trátase de propostas de culturais, lúdicas, creativas e de benestar cuxa finalidade é a de mellorar a calidade de vida deste sector da poboación, ao tempo que se promove a socialización. O persoal dos departamentos de Maiores e Servizos Sociais fixeron fincapé, precisamente, nesta última cuestión: a de relacionarse con outras persoas para evitar a soidade e o illamento social.

As actividades organizadas dende o Concello son:

  • “Envellecer con sentidiño”: estimulación cognitiva e memoria. Os martes de 10:00 a 11:30 no Auditorio e de 11:45 a 13:15 no CODI. Prezo: 9 euros ao mes (6 euros para persoas empadroadas en Valga).
  • “Valga a vida”: autocoidado. Os luns de 10:30 a 11:30 e os xoves de 17:00 a 18:30 no Auditorio. Prezo 18 euros ao mes (12 euros para persoas empadroadas en Valga).
  • “Pasos en igualdade”: andainas. Os luns ás 17:00 e os xoves ás 10:30 horas. Prezo: 7’50 euros ao mes (5 euros para persoas empadroadas en Valga).
  • “A arte de envellecer”: expresión artística e pintura. Os venres de 10:15 a 11:30 no CODI e de 11:45 a 13:00 no Auditorio. Prezo: 9 euros ao mes (6 euros para persoas empadroadas en Valga).

No caso de persoas que participen en máis dunha actividade aplicarase un 25% de desconto á tarifa.

As follas de inscrición cubertas xunto coa solicitude de domiciliación bancaria poden entregarse no Concello ou enviarse por correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Tamén está dispoñible o teléfono 621 204 615 para máis información.

SorteoImserso25 2 SorteoImserso25 3

Volver