Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Bello Maneiro sinala que “esta mostra permítenos traer a Rosalía aínda máis preto de nós”

- A montaxe pode verse ata o 2 de novembro na Praza Manuel Vicente Cousiño, por iniciativa da asociación Os Penoucos

ExpoRosalía1

Valga, 16 de outubro de 2025.

O alcalde, José María Bello Maneiro; o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo; e a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, asistiron onte á tardiña na Praza Manuel Vicente Cousiño á inauguración da exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, una mostra itinerante que ten percorrido xa máis de 50 pobos e vilas de Galicia e que recala en Valga ata o 2 de novembro por iniciativa da asociación cultural Os Penoucos. Bello Maneiro respaldou o traballo deste e outros colectivos para “seguir promovendo a cultura” en Valga. “É un pracer recibir esta exposición, pola relevancia da figura de Rosalía para Galicia e para os galegos, e deste xeito podemos traela aínda máis preto de nós”, dixo o rexedor.

Tralos discursos inaugurais, Manuel Lorenzo Baleirón, membro do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, ofreceu unha visita guiada á mostra, que recolle a historia da casa da Matanza e da súa conversión en museo, un proceso ao que se referiu coma “un soño”. Rosalía viviu nela tan só dous anos e medio (entre 1882 e 1885), pero “esta casa é un símbolo”, destacou Lorenzo Baleirón. Á morte da escritora, a vivenda quedou abandonada ata que en 1946 o locutor Xosé Mosquera promoveu a súa compra con vistas á súa restauración e musealización. Non foi ata 1971, despois dunha campaña de doazóns na que participaron administracións públicas, entidades culturais e deportivas, centos de persoas anónimas e colectivos da emigración, cando a Casa de Rosalía abriu ao público cunha montaxe museística realizada por Xosé Figueira Valverde.

Máis alá da historia da súa recuperación, a exposición recolle outros aspectos e datos relacionados con este inmoble. Un dos máis salientables, a súa estreita relación co tren, xa que se atopa situada ao pé da que foi a primeira vía férrea de Galicia (Cornes-Carril). “Isto facilitaba os desprazamentos do matrimonio Castro-Murguía a Santiago e a Carril, a onde ían tomar baños”. Outro momento “fundamental” que aparece reflexado na mostra foi a visita que Gala, filla de Rosalía, realizou á casa en 1950, case 65 anos despois de deixala.

Durante o percorrido explicativo pola montaxe, Manuel Lorenzo Baleirón tamén remarcou algúns aspectos relacionados con Valga. Principalmente, o papel xogado por Xesús Ferro Couselo, que integrou o primeiro Padroado Rosalía de Castro, constituído en 1947. Ademais, como membro da Real Academia Galega, foi un dos promotores da instauración do 17 de maio como Día das Letras Galegas, en conmemoración da data de publicación de “Cantares Gallegos”.

E, como remate, lembráronse os versos do poema “Como chove miudiño” nos que Rosalía se refire a Valga:

 “Vexo Valga á beira hermosa / dun camiño todo prata, / casta virxe candorosa, / sentadiña en chan de rosa, / vestidiña de escalrata”.

ExpoRosalía2 ExpoRosalía3

Volver