- Concello e Xunta cofinancian a modernización do centro de lectura e estudo cun investimento de 26.589 euros
- Os novos equipos inclúen ordenadores, pantallas e monitores, altofalantes e lector de códigos de barras
Valga, 1 de outubro de 2025.
A biblioteca municipal de Cordeiro será dotada de novo equipamento para mellorar o servizo que ofrece aos lectores e usuarios e adaptar as súas instalacións ás necesidades do centro e ás actividades que nel se desenvolven e que abarcan dende o préstamo de obras, zonas de lectura e estudo e área de consultas técnicas. A adquisición deste novo equipamento acaba de ser licitada cun orzamento de 26.589’75 euros e coma unha aposta pola modernización das instalacións culturais do Concello.
Co fin de adaptar o servizo ás novas tecnoloxías, vaise dotar tanto á zona de lectura e préstamos como á zona de estudo do equipamento informático necesario para un axeitado control interno, o que contribuirá a facilitar o servizo de consulta por parte dos usuarios.
Por outro lado, e debido ao crecente número de actividades de fomento da lectura (contacontos, presentacións, etc.) que precisan dun soporte audiovisual, instalaranse os equipos precisos para o seu correcto desenvolvemento.
Os novos equipos informáticos, de son e audiovisuais inclúen dende ordenadores con todo o seu equipamento ata pantallas e monitores, altofalantes e lector de códigos de barras. A súa adquisición é cofinanciada entre o Concello e a Xunta de Galicia.
As empresas que queiran concorrer ao concurso público poden presentar as súas ofertas ata o 8 de outubro.