Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Trinta veciños foron os primeiros en obter a súa nova documentación nesta oficina itinerante, entre eles o alcalde, que considera que este era un servizo “demandado e necesario”

- As citas para o mes de outubro están esgotadas, pero xa poden solicitarse para o 28 de novembro

RenovaciónDNI1

Valga,  29 de setembro de 2025.

Valga recibiu esta mañá por vez primeira á unidade móbil da Policía Nacional para a expedición e renovación do DNI e do Pasaporte, na que trinta veciños de Valga e de municipios da contorna puideron actualizar a súa documentación. Un deles foi o alcalde, José María Bello Maneiro, que acudiu a renovar o seu pasaporte e saudar aos representantes da Comisaría de Pontevedra que se desprazaron con motivo da estrea deste novo servizo. Entre eles atopábase o inspector xefe Esteban Pinilla, responsable da Unidade de Documentación da Comisaría provincial.

Bello Maneiro amosouse moi ledo por poder ofrecer este servizo en Valga, evitando que os veciños teñan que desprazarse a Santiago, Pontevedra ou Vilagarcía, co que iso representa en aforro de custes e tempo. Ademais, lembrou que non só poden acudir a esta oficina móbil persoas de Valga, senón tamén residentes noutros concellos da contorna. O rexedor destacou a gran acollida por parte dos cidadáns, que en cuestión de días coparon todas as citas, o que “demostra que este era un servizo demandado e necesario”.

Ademais das habituais renovacións de DNI e pasaporte, algúns dos usuarios que estaban citados nesta xornada tamén realizaron primeiras inscricións de cativos nados recentemente. En concreto, foron catro.

A unidade móbil, que quedou emprazada na Praza Manuel Vicente Cousiño, regresará a Valga nos meses de outubro e novembro. Para outubro xa están esgotadas as citas e para o 28 de novembro poden solicitarse presencialmente nas oficinas do Concello ou chamando ao teléfono 986 55 94 56. O número máximo de citas por xornada é de 30.

Entre os servizos que presta esta oficina atópanse: expedición de DNI e Pasaporte por primeira inscrición, perda ou subtracción; e a renovación de documentación caducada ou a piques de caducar.

Tamén é posible activar o DNI electrónico, renovar certificados e cambiar as claves, trámites para os que non é necesaria cita.

Os usuarios deben aportar a mesma documentación que en calquera outra oficina do DNI da Policía Nacional.

Para expedición do DNI:

  • Para a primeira inscrición: Unha fotografía recente (menos de dous anos) a cor e sobre fondo branco, partida de nacemento literal na que conste que se expide “só a efectos da obtención do DNI” (validez de seis meses), volante de empadroamento (validez de tres meses). Os menores de idade e persoas con discapacidade deben estar acompañados por un dos pais ou titores co DNI en vigor.
  • Renovación: Unha fotografía recente (menos de dous anos) a cor e sobre fondo branco e o DNI que se quere renovar. En caso de cambio de datos, tamén se debe a portar a seguinte documentación: por cambio de domicilio, volante de empadroamento; por cambio de datos persoais, partida de nacemento literal con validez de seis meses. Os menores de idade e persoas con discapacidade deben estar acompañados por un dos pais ou titores co DNI en vigor.

   Para expedición do Pasaporte:

  • DNI en vigor (se solicita a renovación/duplicado dun pasaporte vixente deberá presentar o mesmo) e unha fotografía recente (menos de dous anos) a cor e sobre fondo branco.

En caso de menores ou persoas con discapacidade tamén é preciso aportar:

          -  Se non ten DNI: partida de nacemento literal na que conste que se expide “só a efectos da obtención do DNI” (validez de seis meses)-

          -  Se ten DNI deberá acreditar a relación de parentesco ou a condición de titor mediante a presentación de calquera documentación oficial (libro de familia, partida de nacemento, etc.).

          - Deben ir acompañados polos dous pais ou todos os titores cos seus DNI en vigor.

A taxa de expedición do DNI é de 12 euros e a do pasaporte 30 euros (para as familias numerosas esta documentación é gratuíta presentando o título).

Esta unidade itinerante realiza toda la tramitación nun único día, de maneira que os usuarios reciben a súa nova documentación ao momento.

RenovaciónDNI2 RenovaciónDNI3

Volver