Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actuación, valorada en 615.000 euros, saíu a licitación e poden presentarse ofertas ata o 25 de setembro

- Nestes momentos atópanse contratadas ou en proceso de contratación actuacións por valor de máis de dous millóns de euros na lagoa

ObraPortoPiñeiroPraia1

Valga, 15 de setembro de 2025.
Porto Piñeiro vai camiño de converterse nun dos espazos de referencia en Valga, tanto para veciños como para visitantes. A finais de semana pasada licitáronse as obras de continuación das sendas peonís e ciclables que comezaron a executarse en 2023. É o terceiro proxecto que sae a contratación nun prazo de catro meses, tralos de creación dunha praia artificial (que xa está executándose) e a construción dunha piscina (que está a piques de adxudicarse). Neste caso o orzamento acada os 615.000 euros, que se financian a través do programa Pon2030 da Deputación de Pontevedra.

Os traballos que se desenvolverán no marco deste proxecto van dende a construción das sendas, que bordearán toda a lagoa e terán pavimento de xabre e formigón, ata a plantación de especies arbóreas de ribeira para a renaturalización do espazo. Acometeranse tamén traballos de drenaxe e instalaranse tubaxes para unha rede de abastecemento, canalizarase a liña de alumeado público e instalaranse diferentes tipos de luminarias. A zona será dotada de mobiliario urbano, en concreto bancos, papeleiras e unha fonte e, por último, colocaranse máis de 200 metros de varanda de madeira de pino tratada en autoclave.

Deste xeito atópanse xa contratadas ou en proceso de contratación todas as actuacións incluídas nesta segunda fase de rexeneración da lagoa Porto Piñeiro: a creaciòn dunha praia artificial (575.000 euros de fondos Next Generation), a construción da piscina e a renaturalización da zona norte (902.000 euros, dos cales 700.000 proceden do PlanExtra da Deputación) e o remate das sendas que acaba de licitarse. O investimento superará os dous millóns de euros.

N a primeira fase, executada, no ano 2023 habilitáranse os primeiros tramos de sendas ciclables e peonís na zona sur da lagoa, coa instalación de mobiliario urbano, a creación dun parque infantil e a plantación de árbores froiteiras e outras especies autóctonas, cun investimento de 500.000 euros. Ademais, entre finais de 2024 e comezos de 2025 instalouse un peche perimetral de seguridade, financiado a través dun convenio entre o Concello e a Consellería de Industria por valor de 366.200 euros.

ObraPortoPiñeiroPraia2 ObraPortoPiñeiroPraia3

Volver