- Entre os días 16 e 18 desenvolverase o programa “Tech Kids”, no que os participantes poderán experimentar cos equipamentos tecnolóxicos máis novidosos
- O 22 e 23 de xullo terá lugar a actividade “Girl Steam”, con proxectos de robótica e a gravación dun vídeo
Valga, 11 de xullo de 2025.
A Aula CeMIT continúa a programar actividades para achegar á cidadanía as tecnoloxías máis novidosas. Se nas dúas últimas semanas foi a poboación adulta a que tivo oportunidade de experimentar coa realidade virtual, en vindeiras datas será a mocidade á que poida participar nunha serie de obradoiros tecnolóxicos dos programas “Tech Kids” e “Girl Steam”, cos que se busca espertar o interese da xuventude polas disciplinas científicas e tecnolóxicas.
Deste xeito, entre os días 16 e 18 de xullo, desenvolveranse tres sesións do taller “Argallando entre xeracións”, dirixido a rapaces de entre 10 e 18 anos. É unha actividade de carácter experimental na que se exporán diversas aplicacións e usos dos equipamentos tecnolóxicos innovadores dos que dispón a Aula CeMIT.
As sesións orientaranse tanto á xeración de ideas e invencións como ao uso das últimas tecnoloxías: deseño e fabricación 3D, robótica educativa con MicroBit, programación de videoxogos, experimentos con condutividade electrónica e programación e drons. A partir desta aprendizaxe, os participantes poderán demostrar o seu talento dixital e a súa capacidade de resolución de problemas desenvolvendo retos científico-tecnolóxicos e proxectos autónomos que teñan como base a formación recibida.
Uns días despois, o 22 e o 23 de xullo, terá lugar unha nova edición dos obradoiros “Girl Steam”, con dúas quendas segundo a idade dos participantes: unha de 9 a 11 anos e outra entre 12 e 16. A través de actividades creativas e colaborativas, os alumnos poderán experimentar coa tecnoloxía de forma práctica. Entre os contidos destacan: a creación, a partir dun kit de robótica, de autómatas de cartón que se poñerán en funcionamento a través dun motor programable; ou a elaboración dunha escenografía móbil nunha caixa de sombras e gravación dun vídeo.
Ademais da compoñente tecnolóxica, estes talleres incorporan valores coma o pensamento crítico, o traballo en equipo ou o uso creativo da tecnoloxía.
Para participar nestas actividades, que son gratuítas pero teñen prazas limitadas, é preciso inscribirse previamente na Aula CeMIT ou no Auditorio Municipal (986 55 67 69).