- O alcalde e a concelleira de Educación asistiron ao acto para acompañar á comunidade educativa
- Mario Fernández e Carla Herrero foron galardoados cos premios extraordinarios de Ciencias e Humanidades
Valga, 23 de xuño de 2025.
O Auditorio Municipal foi o venres o escenario do acto de graduación da promoción de Bacharelato 2023-2025 do IES de Valga, que supuxo a despedida de 26 estudantes que rematan a súa etapa no centro. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, acompañaron aos graduados e á comunidade educativa alí reunida.
Irene Sanmarco e Clara Troncoso foron as presentadoras dunha gala chea de mensaxes de nostalxia polo remate desta etapa fundamental no desenvolvemento deste grupo de mozos, tanto a nivel formativo coma persoal. Pero tamén se respirou ilusión e esperanza ante os novos retos que terán que afrontar a partir de agora. “Este acto de graduación é o recoñecemento a un gran traballo feito durante os últimos anos. Agora chega a Universidade, que é outro mundo totalmente diferente, pero estamos seguros de que os estudantes de Valga ides dar o nivel”, dixo o alcalde. Bello Maneiro tivo tamén palabras de felicitación para a dirección e profesorado do IES as familias e a ANPA. En, en xeral, destacou o gran labor que realizan todos os centros educativos do municipio: “Dende a Escola Infantil, o CRA, os colexios de Cordeiro e Baño e o instituto, todos forman un gran equipo do que os valgueses nos sentimos orgullosos”.
En representación do IES interveu o director, que comparou os anos que os novos graduados pasaron no centro con “un videoxogo no que hai que ir pasando fases e acadando puntos ata chegar á meta”. Ademais, tomaron a palabra Loli Rego e Juan Carlos Montejano, padriños da promoción e que tamén se despiden do instituto de Valga. O segundo por xubilación, despois de máis de 35 anos dedicados á docencia. “Non puiden elixir un mellor final que no IES de Valga”, dixo,
Tralos discursos, os estudantes recibiron os seus diplomas e, ademais, entregáronse o Premio Extraordinario de Ciencias “Anxo Carracedo”, que recaeu en Mario Fernández, e o Premio Extraordinario de Humanidades e Ciencias Sociais, que recolleu Carla Herrero. En representación de todos os graduados fixeron un percorrido pola súa etapa no IES, destacando “a unión como grupo” que acadaron e “as ensinanzas que levamos de cada mestre”. Referíronse a este cambio de ciclo coma “o peche dunha historia inesquecible”.
Durante o acto actuaron catro das graduadas (Lucía, Martina, Ana e Carla), que interpretaron o Cuarteto nº2 de Shumann. Tamén contribuíu ao apartado musical Jorge Denis Sanromán, estudante do Centro Superior de Música.