Herramientas de Accesibilidad

VINTE E TRES VALGUESES MELLORARON A SÚA EMPREGABILIDADE A TRAVÉS DO PLAN INTEGRADO DE EMPREGO

- O alcalde e a concelleira de Emprego asistiron esta mañá á clausura do proxecto, que Valga comparte con outros cinco concellos da contorna

- O programa ofreceu formación en sectores con alta demanda de persoal nos seis municipios promotores

ClausuraPIE26 1

Valga, 25 de setembro de 2026.

O Programa Integrado de Emprego (PIE) no que Valga participou durante este ano ano xunto cos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Catoira e Pontecesures clausurouse esta mañá facendo balance de resultados.

Desta iniciativa, que contou cun investimento próximo aos 300.000 euros cofinanciados pola Xunta de Galicia e o SEPE, beneficiáronse un total de 100 persoas dos seis municipios, que melloraron a súa formación e as súas posibilidades de atopar emprego grazas á colaboración entre as administracións autonómica e locais e o tecido empresarial da contorna. Conseguiron insertarse no mercado laboral o 38% do total. No caso de Valga dos 23 participantes, dez atópanse actualmente en situación laboral activa.

O obxectivo Programa Integrado de Emprego 2025-2026 foi o de mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción laboral mediante accións personalizadas que combinaron orientación, formación e prácticas en empresas. Tamén incluíu asesoramento laboral, talleres de habilidades sociais, intelixencia emocional, mobilidade laboral e preparación para procesos de selección.

A parte formativa centrouse en sectores cunha alta demanda de persoal, como industrias alimentarias, fabricación mecánica, téxtil e confección, administración e xestión, comercio e loxística, hostalería e turismo, servizos á comunidade, sociosanitario ou imaxe e son.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, asistiron ao acto de clausura, no que tamén participaron rexedores e edís dos outros cinco concellos participantes e o director territorial de Emprego da Xunta, Juan José Couce. Agradeceron ás empresas colaboradoras, aos técnicos e, especialmente, ao alumnado a súa implicación co proxecto, que para cen persoas supón “o primeiro contacto directo co mundo laboral en sectores nos que hai posibilidades reais de inserción”.

ClausuraPIE26 2 ClausuraPIE26 3