Accessibility Tools

PROCESO DE MATRÍCULA DO CRA DE VALGA PARA O CURSO 2021/2022

PortasAbertasCRA2021

O Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga organiza unha xornada de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e tamén o proxecto educativo que se desenvolve nas escolas que o conforman (Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza), nas que se imparte segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 6 anos).

A xornada para dar a coñecer o proceso de matrícula e o proxecto educativo do centro terá lugar o venres, 26 de febreiro, a partir das 15:30 horas. As visitas serán individuais e cumprindo todas as medidas anti-Covid.

Nesta actividade poden participar familias, tanto de Valga coma doutras localidades, interesadas en matricular os seus fillos ou, simplemente, en coñecer o funcionamento do CRA e das seis escolas que o integran, que contan neste curso cun total de 59 alumnos matriculados, o que supón unha media de 10 alumnos por aula. O prazo para presentar as solicitudes de admisión para o vindeiro curso 2020-21 estará aberto entre o 1 e o 20 de marzo.

O funcionamento do CRA

Coa mesma estrutura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente educativo familiar nun entorno natural próximo que facilita a adaptación do alumnado.

O seu modelo metodolóxico baséase no traballo por proxectos e na organización de espazos en ambientes de aprendizaxe. Existe unha estreita coordinación entre as titoras, as mestras especialistas e o persoal de apoio, con atención personalizada e individualizada do alumnado.  

Os alumnos están escolarizados en aulas mixtas que favorecen a aprendizaxe mediante a titoría entre iguais, o traballo cooperativo e a formación de grupos heteroxéneos. Ademais, para a atención á diversidade do alumnado, contan cun Departamento de Orientación, do que forman parte unha especialista en Audición e Linguaxe e unha especialista en Pedagoxía terapéutica, así coma dúas coidadoras.

A innovación e as novas tecnoloxías forman parte da actividade diaria, mediante a dotación nas aulas de ferramentas e materiais TIC como PDI, robots educativos, tablets, smartphones (que permiten desfrutar das novas formas de comunicación coas familias), xogos de lóxicomatemática, mesas de experimentación/sensoriais, mesas de luz ...

Por último, outro dos sinais de identidade é a apertura á contorna e ás familias, destacando a implicación destas en numerosas actividades, o intercambio de información diario nun ambiente próximo e familiar e a colaboración con outros organismos e institucións como o Concello, a ANPA Pequeval (este ano crearon unha biblioteca itinerante en materia de inclusión), os colexios adscritos, gabinetes psicopedagóxicos, Atención Temperá, etc.

O equipo docente:

  • 6 mestras titoras (unha por aula)
  • 2 mestras de apoio á E.I. Prestan apoio ao alumnado na aula xunto coa titora.
  • 1 mestra especialista en Inglés (2 h semanais en cada aula)
  • 1 mestre especialista en Ed. músical (2h semanais en cada aula)
  • 1 mestre especialista en Ed. Física (2h semanais en cada aula)
  • 1 mestra de Relixión Católica
  • 1 orientador
  • 2 coidadoras para o alumnado con necesidades educativas especiais.
  • 1 Auxiliar de Conversa nativa en lingua inglesa que acompaña na docencia á mestra especialista de inglés
  • 1 mestra especialista en Audición e linguaxe para a atención do alumnado con necesidades que ademais realiza unha sesión semanal en cada aula para un programa da estimulación da linguaxe de todo o alumnado).
  • 1 Mestra especialista en Pedagoxía terapéutica que atende ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que o require.

Programas nos que participa o CRA

  • Plurinfantil (con auxiliar de conversa nativa en lingua inglesa)
  • PFPPs (Plan de formación permanente do profesorado): Innovación educativa enfocada á organización de espazos exteriores e a aspectos organizativos do centro:
  • Dinamizando lugares de xogo e espazos: Creación de espazos e materiais inclusivos nos patios
  • Adecuación do Proxecto Educativo á realidade do centro.
  • Planificación, Xestión e creación de recursos para aulas plurilingües en Educación Infantil
  • Contratos Programa: Accións en colaboración coa Consellería de educación en busca da mellora da convivencia do centro e da excelencia educativa. Actualmente estanse a desenvolver sete liñas de acción: Iguála-te, Con-vive, Inclúe-t, Eduemociona, Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, Promoción da actividade física en horario lectivo e Plan Proxecta.
  • Aliméntate ben (Merendas saudables e programas de froitas e verduras da FOGGA)
  • Proxecto Deportivo de Centro
  • Proxecto Ríos
  • Paisaxe e sustentabilidade
  • Proxecto Terra
  • Voz Natura (Programa en colaboración coa Voz de Galicia que subvenciona proxectos medioambientais desenvoltos no centro.)
  • Plan Revitaliza en colaboración coa Deputación de Pontevedra (Accións relativas ao tratamento de residuos, xestión de composteiros instalados nas escolas, actividades formativas para o alumnado...).
  • Colaboración coa USC na formación de futuros docentes que cursan estudos de Grado e máster.
  • O CRA foi seleccionado pola Fundación Princesa de Girona coma un dos 23 centros educativos que acollerá as prácticas de 30 estudantes de Grao de todo o país mediante o proxecto @generacióndocentes. Este proxecto pretende formar ao alumnado universitario en escolas do rural de referencia no ámbito educativo polo que recibirá a alumna rioxana a partir do 18 de febreiro.
  • Recreo residuos cero (Compromiso de redución de plásticos mediante a plataforma teachersforfuture)
  • Biblioteca coedicativa itinerante grazas ao empréstito de libros coeducativos da ANPA Pequeval. Estes exemplares foron subvencionados pola secretaría Xeral de igualdade tras un proxecto presentado pola ANPA para fomentar a coeducación e a igualdade no ámbito familiar.
  • Embelecer Valga.

A xornada do centro é de 9 a 14 horas.

Contacto:

Telf: 886 151 724              

E-mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.                  

Web: http://www.edu.xunta.gal/centros/cravalga/

Blog: http://cradevalga.blospot.com/

Instagram: @cradevalga

boton cemit

boton extensions

boton obradoiro

Volver