Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O BUO, no que a Consellería do Medio Rural investirá 492.803 euros, albergará dúas motobombas e catro brigadas

- A súa construción será modular para favorecer futuras ampliacións e contará cunha zona de servizos e un garaxe para vehículos

PresentaciónBUO1

Valga, 8 de novembro de 2025.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana a licenza de obra para a construción da Base de Unidade Operativa (BUO) contra incendios forestais, que se situará en terreos do antigo campo de fútbol de Baño, nunha parcela de 3.065 metros cadrados que foi cedida polo Concello para este fin. O Concello recibiu ademais o proxecto desta nova infraestrutura, no que a Consellería do Medio Rural investirá 492.803’83 euros.

O edificio terá unha estrutura modular, concibida para facilitar a súa futura ampliación, de maneira que poida adaptarse ás necesidades cambiantes do servizo. Contará cunha zona de servizos organizada en dúas plantas, unha destinada a actividades estritamente operativas e outra para espazos de descanso e funcións administrativas ou de oficinas. Tamén se prevé un espazo para garaxe, que será diáfano e que albergará os vehículos da unidade operativa. Proxéctanse, ademais,  accesos diferenciados para peóns e vehículos para facilitar as manobras.

As instalacións contarán con climatización mediante aerotermia, sistema de renovación de aire mediante recuperación de calor e protección contra incendios.

No pasado mes de febreiro a conselleira do Medio Rural, Mª José Gómez, anunciara nunha visita a Valga para presentar este proxecto que o BUO acollerá e persoal e medios do dispositivo de loita contra os incendios e outros servizos relacionados co sector do monte e a súa función será a prevención, a detección, intervención rápida e defensa contra os lumes que poidan afectar aos montes valgueses e de localidades próximas. Aloxará dúas motobombas, 4 brigadas e axentes forestais e, ademais, prestará servizo de atención ao público, por exemplo para obtención de permisos e licenzas.

Naquel mesmo acto a conselleira explicara que a base funcionará de forma permanente, sumándose á rede de prevención, detección, intervención e defensa contra os incendios forestais espallada polo territorio galego. Terá unha vocación comarcal, estando ao servizo do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, aínda que o seu ámbito de actuación poderá chegar incluso ao sur da provincia da Coruña (as comarcas de Padrón e Barbanza).

PresentaciónBUO3 PanelBUO

Volver