Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os asistentes poderán adquirir diferentes tapas a 1’5 euros e cócteles a 1 euro

- As orquestras Panorama e Alkar serán as encargadas de poñer a nota musical na noite do día 27

FestaAnguía22

Valga, 18 de agosto de 2022.

Valga está ás portas dunha nova edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia e que, despois de dous anos limitada pola pandemia, regresa ao seu formato habitual con todas as actividades e degustacións dos produtos protagonistas: a anguía do Ulla e a augardente destilada ao xeito tradicional.

Nas actividades incluídas na programación festiva degustaranse uns 600 quilos de anguía, incluíndo os showcookings do “Agosto Gastronómico” a IX Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” e a degustación do día 27 no Parque Irmáns Dios Mosquera. Alí estarán á venda por 1’50 euros un total de 1.400 tapas con seis receitas diferentes: catro elaboradas polos cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía e dúas que resultaron gañadoras dos concursos “Tapa a Anguía” dos anos 2020 e 2021. Trátase da tosta de anguía do Bar Pardal, que acadou o premio do xurado hai dous anos, e a hamburguesa de anguía de Pastelería Caprichos, que gañou o ano pasado.

En canto á augardente, os asistentes á festa poderán adquirir diferentes cócteles elaborados con caña branca, de herbas e tostada por 1 euro cada un. Ademais, mantense no Centro de Interpretación da Caña a demostración de destilado tradicional a cargo de dous cañeiros de Valga, na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas e, a medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación. En total, uns 350 litros de augardente.

O sábado, 27, día central da festa terá, ademais, coma un dos actos máis relevantes a entrega de premios dos concursos de fotografía e receitas do “Agosto Gastronómico”, o Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso para elixir o cartel anunciador, mellores tapas e gañadores dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”.  O pregón da festa correrá a cargo do historiador Anxo Rodríguez Lemos, recente gañador do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.

No apartado de actuacións, está previsto un concerto da Banda Municipal de Valga, ademais das orquestras Panorama e Alkar.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Sábado, 20 de agosto:

  • De 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas: IX Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Praia fluvial de Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro, Auditorio, Comparada e Alba.

Domingo, 21 de agosto

  • De 12:00 a 15:00 horas: IX Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Praia fluvial de Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro, Auditorio, Comparada e Alba.

Mércores, 24 de agosto:

  • 21:00 horas: Showcooking “Universo Anguía” no Centro de Interpretación da Caña do País.

Xoves, 25 de agosto:

  • 20:00 horas: Precata do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña
  • A continuación: sorteo dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”

Venres, 26 de agosto:

  • 20:00 horas: Presentación da botella conmemorativa da XXXII Mostra da Caña do País.
  • 20:15 horas: Cata final do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña

Sábado, 27 de agosto:

  • De 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas: IX Ruta “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Praia fluvial de Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro e Auditorio.
  • 16:00 horas: Festa infantil con xogos e inchables no Parque Irmáns Dios Mosquera
  • 17:00 horas: Demostración de destilado tradicional da augardente no Centro de Interpretación da Caña.
  • 19:00 horas: Recepción de autoridades na Casa do Concello.
  • 20:00 horas: Pregón a cargo do historiador Anxo Rodríguez Lemos, gañador do Premio Xesús Ferro Couselo 2022.
  • 20:15 horas: Entrega de premios aos gañadores dos concursos “Valga. Anguía, caña e camiño”, Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso do cartel anunciador, Tapas gañadoras da Ruta-Concurso Tapa a Anguía, vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía.
  • 20:45 horas: Actuación da Banda Municipal de Valga.
  • 21:30 horas: Degustación de tapas de anguía e cócteles feitos con caña do país.
  • 22:30 horas: Actuación da orquestra Alkar.
  • 00:00 horas: Queimada popular con conxuro a cargo de Troula Animación.
  • 00:30 horas: Espectáculo de fogos e luces.
  • Actuación das orquestras Panorama e Alkar.

Domingo, 28 de agosto.

  • De 12:00 a 15:00 horas: IX Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Praia fluvial de Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro e Auditorio.
  • 1PCartel
  • CartelConTapas2022

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver