Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O proxecto tamén inclúe a rehabilitación ambiental da contorna, con revexetación e plantación de especies autóctonas

- O orzamento da actuación ascende a 500.915 euros

Valga2

Valga, 18 de xaneiro de 2022.

O alcalde, José María Bello Maneiro, asinou esta mañá na Deputación o convenio para a financiación do proxecto de construción dunha senda peonil e vía ciclable na contorna da Mina Porto Piñeiro, no marco do programa ReacPon para a execución de infraestruturas e dotacións singulares para a recuperación post-Covid. A sinatura contou tamén coa participación da presidenta da institución provincial, Carmela Silva.

A lagoa Porto Piñeiro abrangue unha lámina de auga de 5’32 hectáreas, ocupando o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción na desaparecida fábrica de Novo y Sierra. En total, todo o ámbito supera os 100.000 metros cadrados.

As obras desenvolveranse na zona sur e consistirán na execución dunha vía que bordeará a lagoa e que estará habilitada para a circulación de peóns e ciclos. Terá base de grava, solo de cemento e bordo de formigón. Instalaranse, ademais, estruturas e varandas de madeira naqueles puntos nos que sexa preciso para maior seguridade.

No marco deste proxecto levarase a cabo, ademais, unha restauración ambiental da zona. Aplicaranse tratamentos silvícolas, con limpezas e rozas selectivas para unha posterior revexetación. Recuperaranse a canle e a ribeira do rego do Regueiro, coa eliminación de especies invasoras e a plantación de árbores autóctonas coma salgueiros, freixos, carballos, castiñeiros ou bidueiros. Tamén se intervirá na ribeira oeste da lagoa, adecuando os perfís do terreo para un mellor acceso e coa implantación dunha comunidade vexetal de ribeira.

O orzamento das obras ascende a 500.915 euros, dos que son subvencionados pola Deputación 425.778 e o Concello aportará 75.137.

Con esta actuación ponse en marcha a recuperación ambiental, paisaxística e social da Mina Porto Piñeiro que, como xa aconteceu no seu día coa Mina Mercedes, o Concello quere converter nunha área de lecer de referencia no municipio e na súa contorna. A creación dunha cávea natural no borde da lagoa para a realización de eventos, unha zona de baño ao aire libre ou un espazo para un parque acuático son algunhas das iniciativas que se plantexan.

No acto de sinatura do convenio de colaboración, o alcalde lembrou que a recuperación da Mina Porto Piñeiro enmárcase dentro dun proxecto máis amplo para a recuperación do patrimonio mineiro de Valga, que comezou coa execución do novo embarcadoiro do río Ulla (no lugar no que existía un antigo porto de carga e descarga de arxila e produtos cerámicos da factoría Novo y Sierra) e pretende continuarse coa recuperación da antiga liña de vagonetas aéreas mediante a que se transportaban eses materiais.

Bello Maneiro salientou que “son proxectos moi importantes para Valga para atraer turistas e contribuír á fixación de poboación” e agradeceu á Deputación a financiación aportada. Pola súa parte, Carmela Silva felicitou ao Concello por este proxecto de recuperación dun espazo “de enorme valor” que “é un modelo a seguir” e prima a mobilidade sostible e segura para as persoas, vinculada á mellora medioambiental. Coincidiu co alcalde en que “a grande transformación” que vai supor esta actuación na Mina Porto Piñeiro constituirá “un incentivo turístico, porque Valga ten moitos lugares únicos”.

Valga1

 

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver