- Na sesión de onte tamén se aprobou o convenio colectivo do persoal laboral, acordado coas organizacións sindicais e os representantes dos traballadores
- Outro dos puntos que saíu adiante foi o irmandamento co concello tarraconense de Prat de Comte
Valga, 20 de febreiro de 2026.
O Pleno aprobou onte a cesión ao Concello, por parte da Comunidade de Montes veciñais en man común de San Miguel de Valga, dunha finca de 3.362 metros cadrados de superficie situada nas inmediacións do Parque Irmáns Dios Mosquera. O obxectivo do goberno local é habilitar neste terreo un aparcadoiro para dar servizo ao parque, no que se celebran ao longo do ano actividades que reúnen a gran número de persoas. A cesión, que é gratuíta e por tempo indefinido, foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións de PSOE e BNG.
Esta mesma votación repetiuse na aprobación do convenio colectivo do persoal laboral ao servizo do Concello. Este documento, que pretende facilitar o normal desenvolvemento das relacións laborais, foi acordado a finais do pasado ano coas organizacións sindicais CSIF, CCOO, CIG e UGT e cos representantes do persoal.
Na sesión, de carácter ordinario, tamén saíu adiante por unanimidade a proposta de irmandamento entre o Concello de Valga e o de Prat de Comte (Tarragona) para afianzar e facer oficiais as relacións que ambas localidades manteñen dende fai máis de vinte anos. O vínculo “nace da paixón compartida pola elaboración da augardente, tradición arraigada na historia e na identidade dos dous pobos” e o obxectivo é continuar fomentando a amizade, a cooperación e os intercambios culturais, sociais e económicos; promover e preservar as tradicións relacionadas coa destilación e a cultura da augardente; e impulsar iniciativas que reforcen os valores de convivencia e respecto entre as dúas localidades.
A orde do día incluíu a delegación de competencias no alcalde para a tramitación do expediente de contratación “Mellora das instalacións deportivas municipais” (aprobada co voto favorable do grupo de goberno, a abstención do BNG e en contra do PSOE), un proxecto valorado en 1’4 millóns de euros e que inclúe actuacións no campo de fútbol de Baño, no recinto deportivo de Campaña e no pavillón de Beiro. Conta con financiamento da Xunta de Galicia.







