Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os veciños que acudan mañá á Casa do Concello serán agasallados cun libro gañador do Premio Xesús Ferro Couselo

- O Auditorio acolle o domingo o espectáculo gratuíto “Cóntoche un traxe infantil”

biblioteca2

Valga, 15 de maio de 2018.

As actividades con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora o xoves, están xa en marcha. Un exemplo é a biblioteca municipal de Cordeiro, que impulsa ata finais de mes a iniciativa “Libros misteriosos” como unha forma de promover a lectura e, en concreto, de literatura galega.

Trátase dunha cita a cegas coa literatura, xa que os libros misteriorosos están cubertos cun envoltorio que impide ver tanto o título como o autor. Unha pequena sinopse é a única pista para espertar nos usuarios da biblioteca o afán por lelos. Hainos que provocarán risa, outros medo; uns farán que o lector viva aventuras inimaxinables e outros transportarano a outras épocas. Todos poden levarse en préstamo como calquera outro libro dos que integran os fondos do centro de lectura.

As actividades vencelladas ás Letras Galegas continúan durante os vindeiros días. Mañá todos os veciños que se acheguen ás oficinas municipais serán agasallados cun exemplar dalgunha das obras gañadoras do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, entre elas “Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso e amuletos na cultura popular galega”, de Rafael Quintía Pereira, premiada na edición de 2017 do certame, co que o Concello de Valga homenaxea cada ano ao seu Fillo Predilecto.

O venres terá lugar unha nova edición  da “Carreira pola Lingua”, organizada polo IES de Valga coa colaboración do Concello e na que tamén participa alumnado dos colexios de  Baño e Cordeiro. E o domingo o Auditorio Municipal acolle a partir das 19 horas o espectáculo “Cóntoche un traxe infantil”, unha sesión de teatro infantil a cargo de Moendo Muiñeiras.

Dunha maneira sinxela, orixinal e amena proponse unha viaxe no tempo para ver como era o vestiario dos nosos bisavós ou tataravós. A narración irá acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico e proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materiais cos que se fabricaban as teas. Ademais, poderán manipularse estas pezas de roupa e catro asistentes voluntarios acabarán o espectáculo vestidos como os seus devanceiros. A entrada é de balde para todo o público.

Para pechar o mes, o xoves 31 o Auditorio recibirá a estudantes de 3º e 4º cursos da ESO do instituto de Valga e outros centros da contorna para presenciar a representación teatral “Anagnórise”, a cargo de Limiar Teatro e baseada na obra homónima de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano pola Real Academia no Día das Letras. A actividade está organizada por Editorial Galaxia.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver